29 dic 2011

Mulleres e lesbianas

     Na miña perticular busca de Lilith neste tempo tan confuso non podo deixar de facer referencias ás mulleres lesbianas que teñen que loitar día a día contra a dobre discriminación que supón ser muller e ser lesbiana, nun mundo de homes. Elas son as particulares Liliths desde século XXI no que non se queren seguir somentendo a ningún home, nin aceptar matrimonios de conveniencia, nin ter que ver relegadas ás súas vidas a unha existencia de soidade só porque non encaixan nos patróns imperantes.

     O recoñecemento que teñen as lesbianas está a facerse. Foron antes moitos gais os que levantaron a voz para que a sociedade soubera deles e así comezar unha loita por uns dereitos que lles pertencen. Al lesbianas, en cambio, por ser  mulleres, tiveron que loitar moito antes por facerse ver e valer como mulleres, buscar cal era o seu sitio, poñer sobre á mesa os seus sentimentos, vivir segundo sentían e atopar a outras mulleres que estiveran no seu mesmo caso para demostrar que non se trataba dun caso raro, senón que eran moitas máis, e que querían que as cousas cambiaran.  Tiveron que autodenominarse de moitas maneiras antes de que chegara á nosa sociedade a palabra "lesbiana",e tiveron que experimentar cunha sexualidade que se lles supoñía que non existía, xa que ata fai ben pouco os seres sexuais eran os homes, para o resto do mundo as mulleres non sentían ningún tipo de desexo.

     Hoxe en día aínda hai moitas barreiras que derrubar, entre elas  a dos estereotipos feminino e masculino, a educación afectiva sexual, que só se explica desde unha perspectiva heterosexual; ou a utilización indiscriminada do corpo da muller para vender calquera producto nos medios de comunicación facendo da muller un puro obxecto de márketing e perpetuando deste xeito conducta maliciosas que impiden que as mulleres avancemos cara a igualdade.

27 dic 2011

Poemas en galego: Pilar Cibreiro

A MIÑA LINGUA

I

Falo coa miña lingua irada,
coa rabia da brétema nos ollos,
coas palabras-farrapos culpantes
de tanto ladroício, coas bágoas,
o ferro, o veneno, a auga turba,
a lama dos pozos sen peitoril nin dono,
a fereza dos cazadores doutrora
-os que amansaban falcós e miñatos-
coa fala dos saqueadores de eirexas,
a lingua maldita dos asasinos,
dos saltadores de camiños,
de tódolos bandoleiros sen perdón
e dos guerreiros mercenarios,
a fala muda dos pobres de pedir
e dos guerreiros mercenarios,
a fala muda dos pobres de pedir
e dos cás escorrestados da lareira.
Falo coa miña fala vagamunda,
cos berros das mulleres no parto,
coa voz de cada condenado deste mundo,
de cada exiliado da vida.


II

Falo a un tempo a fala doce dos amantes,
falo prós amantes máis que nada
e pra tódolos que, por causa do amor,
sofren e calan a súa desdita.
Falo a fala dos poetas que están mortos,
coas súas mellores palabras,
coa súa palabra esquencida falo,
coa voz amantiña dos irmaos benqueridos,
coa vella pregalla que levo escrita no sangue
desde hai tanto e que foi inocente un día.

26 dic 2011

Non é cuestión de cartos

     Pasa o tempo e as cousas seguen igual. Outro nadal e outra vez na cociña as nosas avoas e nais facéndose cargo de todo, mentres os demais membros da familia nos imos achegando a unha mesa perfectamente posta, con todo posto no seu sitio, á espera de comezar o festín.

     Hai unha morea de agasallos que se poden facer nestas datas, e para quen estea falto de ideas non ten máis que premer o botón de encendido da televisión para contemplar todo no que se pode gastar os cartos para intentar alegrar a esa persoa querida. Cartos-agasallos-felicidade. Parece ser este o único proceso nestas datas para achegarnos aos nosos seres queridos, cando non é certo, este debería ser o último, o primeiro podería ser calquera pequeno xesto que logre romper cunha rutina pesada que desde fai moito tempo cargamos as mulleres. Por que non agasallar con facer durante estes días a comida? Por que non facer turnos para limpar a casa e así liberalas deste traballo?Por que non sorprender as mulleres das nosas vidas cunha escapada a un sitio cercano, pero descoñecido? Por que non darlle unha aperta ou un bico cando non o espere? Por que non chamarlles guapas? Por que non?

     Son estas cousas e non as outras as que farán que algo comece a cambiar no noso entorno, non é cuestión de cartos, como nos queren facer crer, senón de vontade, de querer facer algo diferente, de poñerlle fin á discriminación, de querer a quen nos quere e facerllo ver. Se queremos, todo pode ser posible.

23 dic 2011

A voltas cos termos

     Hai moitas frontes abertas contra as mulleres, moitos ataques gratuítos que reducen o noso espazo vital só polo feito de ser mulleres, e tristemente sabemos que non vai cambiar se nós mesmas non cambiamos e nos facemos conscientes de cales son eses ataques e, chamándolles polo seu nome, buscamos a maneira de plantarlles cara. Unha das vías máis poderosas é o feminismo.

     Ser feminista é ser consciente de que este mundo é inxusto coas mulleres. Ser feminista é querer cambialo, e facelo desde o diálogo, a reflexión, o respecto e as ideas, polo que non sei o motivo que leva a que as novas xeracións lles teñan medo a este termo, e incluso traten de forma despectiva ás que se declaran feministas. O feminismo é diverso porque diversas somos as persoas que nos declaramos defensoras deste pensamento, hai quen pense que ser feminista é perigoso, pero nunca se escoitou tal cousa doutros movementos que se crearon para reivindicar o que lles pertencer por natureza, e neste caso as mulleres só queremos liberdade, nin máis nin menos.

     Segue a haber unha confusión dos termos e a xente que é contraria ao feminismo faino pola crenza de que as feministas se consideran superioes ao home, aos que consideran como inimigos históricos, cando esa definición corresponde có termo "hembrismo". Confusión estendida dunha maneira máis que maliciosa polos medios de comunicación, e que nos corresponde a todas e cada unha de nós desterrar os prezuíxos e chamarlle a cada cousa polo seu nome.

22 dic 2011

Que está a pasar?

     Comezo este blog para poñer as cousas claras, para intentar que certas ideas preconcebidas sobre o que ten ou poder facer unha muller se teñen neste século XXI que nos promete máis do que nos está a dar en realidade. Quizais noutras épocas estaba moito máis definidio o que se entendía por ser home ou muller, o cal non sempre é algo positivo,xa que queda en mans dalgún iluminado marcar os límitas da nosa liberdade, pero polo menos tiñas un principio, un comezo, un punto de partida que ou ben podías acatar e someterte as regras imperantes, ou pola contra podías dedicar a túa vida a modificalo, a tentar que as cousas foran diferentes. Por suposto os primeiros pasos sempre se producen dentro dunha mesma, pero hoxe en día, que é o que está a pasar?

     A pregunta é directa porque así deben de ser as cousas que máis importan. Vexo que situación das mulleres que me rodean non é en moitos casos algo escollido libremente, baseándose nunha conciencia libre, senón que se ven sometidas a eses roles que cada vez menos aportan, só polo medo a dicir que queren algo diferente, quizais non saiban aínda o que, pero saben que o seu día a día non é delas. Senten que ten que haber algo máis, que o seu sitio ten que estar noutro lado, pero non preguntan, non se moven, non buscan... e o tempo pasa, e cada vez un pouco máis cansas, deciden ceder e deixarse estar.

     Algo está a fallar e está a producir milleiros de vidas baleiras. A información está aí, as asociacións e agrupacións tamén. Todo está para que sexa utilizado e que dea luz a esta escuridade, pero moitas non saben achegarse a estes recursos, manteñen os ollos pechados, permitindo que se silencien as súas voces, consentindo que se repitan patróns de conducta que as marxina. Algunhas non saben que son vítimas deste sistema. Hai que falar máis alto para que nos escoiten as que queremos cambiar as cousas, e que despois decidan, pero antes que estean informadas, están no seu dereito.