13 ene 2012

O mundo adulto

Seguimos avanzando polo século XXI e as feministas son tanto ou máis necesarias que en séculos pasados. Hoxe os ataques á muller chegan desde moi diversos puntos de vista, e as veces aparecen ocultos tras un velo de aparente igualdade, cando a realidade é que deixa á muller nun segundo plano.

As nenas cando son simplemente nenas disfrutan xogando e os días pasan sen demasiada présa, pero cando desde fóra se lles está a meter présa para que medren adoptan patróns que non son beneficiosos para elas, tomados quizais das mulleres que teñen máis preto, ou do mundo que as rodea, sexa real ou virtual, dando comezo así a unha transformación que non ten fin ata chegar a converterse en adultas moito antes sequera de saber que é o que iso significa. A través de poses, discursos, vestimenta ou complementos camiñan pola vida como mulleres adultas e levan na cabeza a meta de conseguir unha parella canto antes, para ver cumplida unha espectativa que se lle pon desde o momento en que deron os seus primeiros pasos.

Ter parella é incluso máis importante que coñecerse a unha mesma,  incluso máis que estimarse a unha mesma ou que coñecer cales son os nosos intereses, ou tentar mostrar outros estilos de vida de mulleres realizadas que non teñen parella, ou se a teñen non é a súa prioridade.

Este cambio artificial na maneira de entrar na vida adulta fai que moitas mulleres non cheguen nunca a ser conscientes das súas capacidades, ou que non teñan espectativas propias, que non se lancen a emprender unha andadura propia e que do mesmo xeito que apuraron demais para ser adultas, apuren tamén máis da conta para chegar a ser vellas.

10 ene 2012

Poemas en galego: María Lado

...da muller que foxe dos peitos...

Teño mentiras amarradas á traquea
por iso cuspo en intentos de anorexia.
Teño unha bala proxectada no peito
e bótasme sal na ferida aberta.
Teño medo de que non saibas coser
con teas de viúva negra o meu corpo.
Teño o embigo medrado de medo
para alugarte mellor, se vés de roxo.
Teño cogomelos do pan no útero
teño queixo con furadiños nos pulmóns
teño chícharos insomnes entre as costelas
teño un virus publicitario na autoestima
teño instintos que me psicanalizan
teño sorte...de que me teñas.

6 ene 2012

Literatura para mulleres?

Pasa o tempo pero hai pequenas cousas inmutables que fan un dano non capaz de contabilizar. Por que non erradicar dunha vez por todas esas pequenas barreiras que seguen a falar do feminino e masculino como contrarios? Por exemplo, por que non deixar de  diferencias entre literatura para mulleres e literatura para homes?

Quizais haxa xente que pense que isto xa non existe, que é cousa do pasado, pero non é tal. As nenas cando comezan a ler poñenselle nas mans contos de princesas, de rapazas con superpoderes, con amigas que corren aventuras todas elas recargadas con demasiados rasgos de muller adulta, co que sen querelo se van identificando; mentres aos nenos se lles facilitan libros de aventuras, historias cheas de piratas, detectives, ou da pandilla de amigos que demostran o compañeirismo polos outros para salvarse, pero representados por nenos que non deixan nunca de ser nenos. Realmente é necesaria este diferencia?

Cando medramos e gozamos da liberdade para escoller as historias que caerán nas nosas mans, o noso pasado literario pode xogarnos unha mala pasada e seguir unha senda que é máis do mesmo. Os estereotipos marcados lévannos a escoller a certos autores ou autoras en detrimento doutros/as porque sabemos os temas que van tratar, pero por que seguimos a pensar que hai literatura de mulleres para mulleres e literatura de homes para todo o mundo? Un home non pode disfrutar lendo un libro dunha escritora? son todos os personaxes das novelas feitas por mulleres femininos?

Creo que hai que provocar o cambio... comecemos por nós mesmos!